24 de outubro de 2008

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS


Chegou aos centros un cartel cunha ilustración de Xosé Covas e un texto de Agustín Fernández Paz que merece ser difundido. Recollo a información do blog de Manuel Bragado, disfrutádeo.

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.

Grazas!

1 de outubro de 2008

OUTUBRO, MES DAS BIBLIOTECAS


Iniciamos de novo as publicacións no blog neste mes adicado ás bibliotecas . Este curso imos empezar un novo camiño porque a nosa biblioteca entrou no PLAMBE. Mañá asistimos ilusionados á primeira reunión.Estamos contentos porque cada ano nos imos aproximando un pouco máis á meta que queremos alcanzar.O cartel que chegou ao centro pon imaxe ao noso soño, o texto que aparece en BIBLOTECAS ESCOLARES defíneo moi ben, por iso os recollemos aquí:

A biblioteca escolar como instrumento necesario e imprescindible ao servizo das aprendizaxes no centro.... de todo tipo de aprendizaxes: a lectura comprensiva de textos diversos en soportes tamén diversos, o uso crítico (e mais ético) de fontes informativas diferentes, a produción de información propia, a elaboración de traballos documentais en función das necesidades xeradas desde as distintas áreas e materias, o ser lector... unha biblioteca que dá servizo a profesorado e alumnado, tamén cando se pode, ao resto da comunidade escolar... unha ferramenta no traballo por competencias que os novos currículos-LOE apoian decididamente.... é dicir, un auténtico servidor central.


Só uma coisa torna un sonho impossível : o medo de fracasar.
Paulo Coelho








30 de xuño de 2008

DESPEDIDA

Entro na biblioteca por última vez neste curso. Coloco os últimos exemplares e revistas .Quero pechar tamén o blog despois dunhas semanas de papeleo : memorias, actas, informes... É difícil para min pechar o blog este curso porque teño que despedir a NEVES , alma do blog e da biblioteca, a compañeira que sempre colaborou desinteresadamente, que compartía os meus soños . A ela adico o seguinte vídeo .

8 de xuño de 2008

2008.- XERAIS

Onte coñecemos os novos p r e m i o s para este ano:
- MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ.- O Xardín das Pedras Flotantes [novela]
- MAR GUERRA CID.- Xenaro e o misterio da mochilota verde [Merlín]
- MARILAR ALEIXANDRE.- A cabeza da medusa [CaixaGalicia]
Beizóns!

4 de xuño de 2008

Solpor...

en... MARTE : Rover Spirit [ NASA ]


Filme con ÉXITO

PRADOLONGO
Un dos moi raros filmes rodados integramente en galego en toda a historia, está a demostrar que é posíbel, que se pode filmar unha película en galego e que, con esforzo, pódese distribuír e converterse en todo un éxito.

Segue o seu camiño por todas as vilas e cidades do país, con atrancos, pelexando cada espazo para ser exhibida, pero co apoio do público que, proxección a proxección, enche as salas(corenta mil espectadores).

Pradolongo está abrindo un camiño para o futuro, para outros filmes. "O cinema galego pode facelo: trátase de contar boas historias". Ignacio Vilar-director.
E,no outono, en Madrid, Euskadi, Cataluña e Francia.

[Ai!! Tiven tamén a sorte de traballar por estas terras que podes ver!]

Porque n o n t o d o v a n s e r l i b r o s . . .
"Quen puidera namorala", regravada para a banda sonora do filme.


AMIGO das ÁRBORES

No día do noso MEDIO,
a historia de dúas baleas
emprendendo viaxe a través do mar
[barco de Greenpeace].
De novo, en Kalandraka.
Preocupémonos!

Os libros de galego saen á rúa





No mes de maio , quixemos achegar libros en lingua galega da nosa Biblio aos pais e nais. Nunha das portas da entrada colocamos cestas con libros para que libremente escollesen e lesen cos seus fillos e fillas.

Emocionounos ver aos pais entusiasmados coa proposta. Serviu tamén para charlar con eles das lecturas e de como espertar o gusta por ler .Recollemos as imaxes do Blog de infantil do noso cole, por certo, con mostras moi interesantes relacionadas coa lectura e coa aprendizaxe en xeral.

Visitádeo!

3 de xuño de 2008

E sempre AGUSTÍN

A. Fernández Paz inaugura a Feira do Libro en Ourense con PALABRAS PARA CAMBIAR O MUNDO:

"Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas".
Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, "el que da una palabra, da un don". Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir."