4 de abril de 2016

MIRADE QUEN VEU A VERNOS!

O venres, día 1 de abril, os nosos amigos Helena Villar Janeiro e Suso Rábade Paredes achegáronse ata o noso centro, entre outros lugares que visitaron. Aproveitamos que, sendo o sábado o Día Internacional do libro infantil , departiran con nenos e nenas de varios cursos de primaria a última hora da mañá na biblioteca. Falaron dalgún dos seus libros e de varias anécdotas da súa vida. Tamén aproveitamos para facerlles algunhas preguntas e para que os nenos e nenas de 3º recitaran de memoria un poema do seu libro "As señoras cousas". Encantounos compartir con estes dous grandes escritores e mellores persoas uns momentos verdadeiramente máxicos. Voltade sempre que queirades....aquí tedes xente miúda e non tanto que vos quere de verdade.
                                       

2 de abril de 2016

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

Hoxe, día 2 de abril, se celebra este día tan importante que pretende facer visible, concienciar e informar sobre este trastorno que afecta en España a 1 de cada 100 nenos e nenas. Para eliminar moitos falsos mitos e ideas quivocadas temos este poster que seguro nos pode axudar a entender un pouco máis ás persoas que o padecen.



DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O 2 de abril de 1805 naceu en Odense, Dinamarca, o escritor e poeta Hans Christian Andersen. Dende 1967, coincidindo con esta data, o IBBY (organización internacional para o libro xuvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (International Children's Book Day) co fin de promocionar os libros e a lectura.
Tódolos anos, unha sección nacional do IBBY patrocina este día e elixe a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para crear unha mensaxe que chegue a tódolos lectores.
Este ano 2016 a escritora elexida é a brasileira Luciana Santori e o ilustrador Ziraldo.
Clica no cartel e poderás ler a mensaxe desta escritora e coñecer máis tanto dela como do ilustrador:

17 de marzo de 2016

CHOVE POESÍA...

Neste mes de marzo tivemos moitos días para celebracións, tanto medioambientais, como literarias e artísticas: Día da Árbore, Día da Auga, Día da Poesía, Chegada da primavera...E se mesturamos os días da auga, da árbore e da poesía, resulta que no noso cole choven poemas e medran preciosas plantiñas . Mirade canto traballaron os cursos de infantil e primaria.



10 de marzo de 2016

24 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA


Chegou o día 24. Chegou o día de estrear o carnet. A biblioteca estivo chea de nenos e nenas. Que gusto cando todos compartimos un mesmo espazo e o pasamos tan ben!
Os nenos e nenas non so colleron un libro en galego para conmemorar este día, tamén recitaron en voz alta algún poema de Rosalía para que os demáis cursos o escoitasen, escribiron nun libro palabras fermosas para Rosalía e tamén, unha alumna de secundaria, Antía, cantou o poema "Adiós ríos, adiós fontes" e moitos animáronse a acompañala. Foi unha mañá chea de sorpresas e de bos momentos. Grazas a todos e todas por participar neste día tan especial!

23 de febreiro de 2016

A SORPRESA DE ROSENDO

Coma sempre Rosendo non para de traballar, xa o sabedes, así que o día 23, un día antes do Día de Rosalía, o alumnado de infantil e primaria recibiu unha carta e unha caixiña misteriosa de parte da nosa mascota. Que había nesa caixiña? Pois algo que lles fixo moita ilusión aos nenos e nenas: O CARNET DA BIBLIOTECA. Na carta, Rosendo dicía que o Día de Rosalía, o día 24, era un día perfecto para estrear o carnet levando un libro en galego para ler na casa.
Dito e feito!

8 de febreiro de 2016

EXPLORANDO A ROSALÍA

O lema deste ano das Biblioteca escolares é " A Biblioteca, Base de Exploracións". E que mellor que explorar no mundo da nosa Rosalía. Que vos parece a idea? Non deixedes de pasar pola biblioteca!

UN DÍA MOI ESPECIAL

Como xa sabedes o 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove dende 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora , oo Día de Rosalía, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.
Neste 2016 a AELG propón celebralo baixo o lema "Mobiliza Rosalía".



Mentres esperamos ese día podedes ler e escoitar "Negra sombra":