O albre é o símbolo do señorío espiritual de Galiza.
O albre é un engado dos ollos pola súa fermosura; é unha
ledicia dos ouvidos, porque nel cantaban os paxaros;
un arrolador do espíritu, porque nas súas ponlas conta contos
ó vento.
O albre dános a froita , que é manxar composto polo mesmo
Creador, para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que
nos quedou do Paradiso perdido.
O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue,
vida e bonitura.
O albre dános a sombra fresca no vran e a quentura
garimosa no inverno.
O albre dános as trabes, o sobrado e as portas da casa.
Dános a cama, o almario das sabáns e a artesa do pan.
Dános o berce o báculo da vellez e a caixa para baixar á
terra.
O albre dános o papel barato que nos trai a decotío as
novas do que pasa no mundo.
Val máis unha Terra con albres nos montes que un Estado
con ouro nos Bancos.
A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación
contra o Estado unitario.
Os albres son minas galegas que nós saberemos esplotar
cando a nosa Terra sexa nosa.
A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o
mellor aforro da colectividade.
Na nosa Terra danse os mellores albres.
O día que seipamos o val un albre, aquel día non teremos
necesidade de emigrar.
SEMPRE EN GALIZA
Ningún comentario:
Publicar un comentario