2 de abril de 2015

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2015

O 2 de abril de 1805 naceu en Odense, Dinamarca, o escritor e poeta Hans Christian Andersen. Dende 1967, coincidindo con esta data, o IBBY (organización internacional para o libro xuvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (International Children's Book Day) co fin de promocionar os libros e a lectura.
Tódolos anos, unha sección nacional do IBBY patrocina este día e elixe a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para crear unha mensaxe que chegue a tódolos lectores. 2015 é o ano dos Emiratos Árabes Unidos. Nasim Abaeian é a ilustradora elexida para deseñar o cartel e Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi escribiu a mensaxe deste ano que leva por título "Moitas culturas, unha historia".




MOITAS CULTURAS, UNHA HISTORIA


"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias"
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia."

Escrito por: Marwa Al Aqroubi
Traducido ao galego por Antía Marante e Sabela González.


Ningún comentario: