24 de febreiro de 2015

MANIFESTO DA AELG NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2015

Daquelas que cantan soias coa tea da ausencia nas mans, dise que teñen ideas loucas. Mais eu, que tamén enredo soia versos desatados, sei que todas levamos dentro algunha fiandeira solitaria. Algunha Rosalía de múltiples formas. De estranas feituras e cores incertas. Así, esta voz é, sobre todo, a súa. O eu lírico que fala permanece cosido ás nosas Rosalías interiores.

Ás Rosalías de cen follas, poliédricas e complexas. Intimistas e sociais, populares e cultas, melancólicas e valentes, sensibles, feras, costeiras e do interior, nais e fillas, mulleres, homes, nenas, presentes e emigrantes... Todas pespuntadas á mesma alma poeta. Rosalía sempre!

Rosalías que, case sempre, tecemos cara dentro. Pero hoxe non! Hoxe un exército de Rosalías insubmisas decidimos subir á escena das rúas para ceibar os fíos que nos oprimían; en forma de canto.

Cortaremos o silencio dos nobelos individuais e erixiremos un papavento de entusiasmo colectivo: unha bandeira de Follas Novas, con raíces aéreas que suxeiten os cuadros encantadores que se atopan no rincón máis escondido e olvidado. Cadros con meniñas gaiteiras, campás, retrancas e romarías. Mais tamén con rebeldía fronte á inxustiza e concepción contemporánea; proa e vangarda, por campiñas e por veigas (...) camiño da ribeira.

Ánimo, compañeiras! Arriba todas, rapaciñas do lugar. Nós somos arpa de soio dúas cordas, a imaxinación i o sentimento. Que o seu son se disolva, pois, nunha mesma música, nun himno común. Porque celebrar o nacemento de Rosalía de Castro é festexar o perpetuo renacer deste país que nos acolle e identifica; é aturuxar con orgullo na nosa lingua e sentir que formamos parte dunha comunidade poética, por enriba de calquera circunstancia.

Por enriba de calquera circunstancia todas as galegas e galegos somos Rosalía! E hoxe, máis que nunca, debemos deixar que a súa voz fale en cada unha, en cada un de nós.

Hoxe a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega é Rosalía porque pretende que o Rexurdimento da súa, nosa literatura, sexa un estado permanente. E que esa forza nos pida, nos mande que cante e que cante / na lingua que eu falo. / Nos vosos tormentos, / nos vosos pesares. / Coidá que comenso...”

Temos infinitos motivos para ser Rosalía, hoxe e os demais días do ano. Non esquezamos, pois, o brando compás das súas palabras e berrémolas co son da pandeira e do tambor! Medrando nas voces veciñas. Has de cantar, Rosalía!

Rosalía Fernández Rial, no nome do Consello Directivo da AELG

Ningún comentario: