26 de febreiro de 2008

DÚAS BÁGOAS POR MÁQUINA


Unha historia tenra que conta as relacións entre unha nena e o seu can.
Ten como fondo unha familia na que conviven avós, pais e fillos, con problemas de hoxe -un pai en paro, unha avoa que semella insoportable, un primeiro amor, un can que estorba-.
É unha defensa do mundo animal, a través das diferentes situacións polas que pasa o can, malia as cales el segue fiel ata o incrible.
Obtivo o premio Merlín de Literatura Infantil 1991.
LE CON NÓS:
A sesión da tarde transcorre rápida.
Xusta camiña sen présas cara á cancela de saída. Os escesivos boureos dos rapaces fan que erga a mirada e preste atención ó seu redor.
-¡Aí ven! ¡Aí ven!
-¡Ostrás! ¡Como corre!
A uns trescentos metros, un can corría enlouquecido pola recta que dá á pista que leva ó colexio.
-¡Maqui! ¡Maqui!
Xusta ginda a chaqueta, a carteira, o caderno de debuxo... sen lle importar para nada o paradeiro dos seus útiles de traballo.
Tódolos compañeiros paran, ollando a reacción repentina de Xusta. Non acertan a entender ese cambio, esa alegría que, de súpeto, debuxa o seu rostro. Non o comprenden, porque hai moitos días que era outra, sempre triste, sen ninguén conseguir que saíse a xogar, que fose aberta coma antes, que disfrutase coas bromas que se montaban, polo baixo, no autobús.
-¡É o can de Xusta! ¡É o can de Xusta! -grita Arturo, case tan emocionado coma ela.
Arturo é dos poucos compañeiros que sabe o disgusto que o problema da desaparición de Máquina causou na súa amiga. É o único que a comprende coma se o problema lle fose propio.
Efectivamente, coma xurdido do mesmísimo ceo, Máquina chega ata Xusta. Todos ollan o acontecemento, uns con curiosidade, outros case emocionados e Arturo, Arturo cheo de verdadeira ledicia.
Xusta apreta con tantísima forza ó seu querido can, que non deixa que se mova para poder demostrar, así mesmo, a alegría do feliz encontro.
-¡Maqui! ¡Maqui! Viñeches. Pobriño, pobriño. Tes fame, ¿non si? Atopáchesme, meu tesouro. Fuches quen de dar comigo. Es moi listo, moi forte. Maqui, Maqui, ¡non morriches! Quérote. Quérote moitísimo.

Ningún comentario: