27 de febreiro de 2008

FINA CASALDERREY



En O estanque dos parrulos pobres Noema aprende moitísimo do seu avó, xa que "é sabio". Xoga a tantas cousas con el! É un campión, un pirata,... Agora a súa "formiga" xa sabe como é ese xogo de morrer.


Tanta tenrura, tan sensible nos escribe esta familiar autora; verás, le!



Un día o avó estaba sentado nunha cadeira que puxo mamá no balcón e que se chama cadeira do avó. Xa había moitos días que non me quería ir buscar ó cole. Eu púxenme detrás del a modiño a modiño e deille un sustazo, que iso é un susto moi grande.
-¡¡Uuuuuuuuuh!!
Ese día non me ameazou, que iso é dicir mentiras moi divertidas, desas de voute colgar formiga e cousas así. Eu sabía que estaba triste porque os beizos caíanlle para baixo polos lados e eu torcinllos para riba coas mans, pero volvían caer.
-¡Avó, malo! ¡Rite xa! ¡Non quero que esteas así!
E pasou unha cousa moi rara, moi rara. O avó ouriñou polos pantalóns e todo. E iso que el sabe o truco de bota-lo leite polo vertedeiro. E tiña bágoas nos ollos. E eu pregunteille:
-¿Estás emocionado avoíño?
E mirei para el pero non dicía nada. E non sabía o meu nome. E non falaba ben. Erguía a man e abría a boca pero non dicía nada.
-¡Avó, fálame! -griteille por se estaba moi xordo.
Pero non falou. Mamá aínda non chegara do banco. Traballa nun banco que non é de sentarse. O banco de mamá é outro. Nese banco gárdanse moitos moitos cartos. Non son todos de mamá. Díxomo ela, anque ó mellor mente para non me mercar outra bici nova; que ás veces mente. Total don Manuel é amigo e perdóalle as mentiras todas. Seino porque mamá ten o nariz pequeno. É moi guapa.
Dominga xa marchara para a súa casa e eu asusteime moito. E collinlle medo ó avó porque non parecía o avó. Como tiña os ollos moi raros, un pouco brancos, e non falaba, pensei que se podía estar convertendo nun lobisome. Os lobisomes non falan e meten moito medo. E escapei para o meu cuarto. E pechei a porta. E chorei moito. E chegou mamá e fun correndo a dicirllo:
-¡Mamá, mamá! O avó mexou polos pantalóns, e non fala, e está triste e mete medo e...
Mamá soltou a carteira negra, que é negra porque é coma a mancha de pirata do dente do avó. E foi axiña ó balcón.
-Papá, ¿que che pasa?
Mamá chámalle papá porque o avó é o seu papá , que iso é o normal. Ás veces tamén lle chama avó, pero non é o seu avó.
Ó ver así ó avó, mamá toleou e empezou a darlle labazadas na cara. E non paraba.
-¿Por que lle pegas? -gritei chorando.
Pero mamá non me oía e seguiu ata que se puxo a chamar por teléfono. E apareceu un coche guai que daba un pouco de medo. Tódolos señores tiñan bata branca. Era unha ambulancia. Máis bonitos son os da policía porque teñen luces azuis. A mamá tamén lle meten medo. Cando vai conducindo e ve un coche deses, frea axiña e di:
-¡Ai, a poli! A cincuenta.
O avó e mais miña nai marcharon na ambulancia e eu quedei na casa de Pancho que é un can moi ledo moi ledo. Ó outro día mamá e mailo avó viñeron para a casa.
-¿Avó, xa podes falar? -pregunteille por se aínda non podía.
-¿E logo, como non hei falar, formiga?
O avó chamoume formiga e eu souben que xa estaba ben. Mamá semellaba un pouco nerviosa e chamou por papá que estaba no seu traballo moi lonxe, e díxolle:
-Disque foi unha trombose. Recuperou axiña pero algo non marcha no seu corazón.
Non sei que é unha trombose, pero debe ser bastante malo. Ó mellor é un pecado, ou poida que sexa un disgusto moi grande e que non lle caiba no corazón por iso mamá quere que lle marche para que lle desapareza. Non sei.





Ningún comentario: