17 de abril de 2008

CARLO FRABETTI

Este gran escritor italiano achega a Galicia, neste mes, un auténtico agasallo para as Bibliotecas, en prol dos libros, da lectura:

O LIBERESPAZO
Os que teñen o privilexio de se converter en lectores son os afortunados beneficiarios de dúas experiencias iniciáticas sucesivas. En primeiro lugar, descobren os libros na súa individualidade. Descobren que eses pequenos ortoedros de papel aliñados nos estantes, tan anódinos e semellantes entre si, cheos á súa vez de diminutos garabatos que se repiten monotonamente como inmóbiles procesións de formigas, son en realidade irrepetibles caixas de sorpresas, cofres do tesouro que ao abrilos derraman no noso interior resplandecentes xemas que só eles conteñen, países das marabillas con climas e xeografías propios.
E iso é só o principio. Hai un segundo descubrimento que consuma e consolida o anterior, o de que un libro non é un cofre solitario, un compartimento estanco, un hortus conclusus. Os países das marabillas non son illas. Despois de descubrir que os libros non son todos iguais, redescubrimos que, nalgunha medida e como suxire a súa aparencia física, si o son (tese, antítese, síntese), posto que pertencen a unha mesma especie. Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso, forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E ao converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Que á súa vez nos leva -ou cando menos nos invita a visitalos- aos demais ámbitos da liberdade. Porque só a cultura nos fai libres, como dicía Martí. E só a lectura nos fai cultos.
Carlo Frabetti

De B.E.G./ Día Internacional Libro.-

Recordas as súas obras?

Ningún comentario: