3 de abril de 2008

Un MISTERIO

O ... DOS FILLOS DE LÚA !!

David, de oito anos e a súa noiva Branca, de nove, tratan de descubrir a razón de que os fillos da súa gata Lúa desaparezan cada vez que ten unha camada.
A bisavoa dille que o seu pai enterrounos na veiga, pero existen outros sospeitosos... Terán que poñer trampas e estar atentos ás pegadas do "ladrón" de gatos.
Por onde entraron os gatos na barriga antes de nacer? E outros enigmas...

Proba e saborea, coa escritora FINA C, un anaquiño:


Por terceira vez a miña gata... ¡Vaia!, tamén é de Branca. Xuramos entre dúas pedras que era dos dous. Así Branca axúdame a descubri-lo misterio.
Por terceira vez, a nosa gata está preñada, que quere dicir que vai ter gatiños. Eu seino, non só porque o digan meus pais, seino porque ten a barriga moi gorda, moi gorda. Case lle chega ó chan, e salta moi pouco. Antes xogaba moito, e agora pasa a maior parte do día deitada igual cá avoa; pero a avoa non vai ter gatiños.
Estes días non quere que a acariñen nin nada. Se lle toco na barriga, foxe. Antes de te-los gatiños dentro, non era así. Podíalle facer cantas cóxegas quixese, ¡ata pola barriga! Ás veces quedaba a durmir así, e roncaba. Roncaba igual ca papá cando se deita no tresillo do salón despois de comer. Papá ponse coa panza para riba e Lúa escóndea debaixo. Ten medo a quedar durmida e que lle desaparezan os gatiños que ten dentro. ¡E non me estraña!
As outras dúas veces que pariu Lúa, pasou unha cousa moi rara. O primeiro día tiña alí os gatiños. Estaban na eira, enriba dunha cadeira vella que había arrimada a unha parede do cuberto. Eran tan pequeniños que parecían pelotas de tenis, pero non eran. As pelotas son máis redondas e menos peludas, e ademais non respiran.
Coñezo ben as pelotas de tenis porque ás veces vou xogar con papá e con Xocas, que é meu irmán. Xogar ó tenis, por exemplo, é bota-la pelota para o outro lado cunha cousa que lle chaman raqueta de tenis. No medio hai unha rede que non é de pescar. E dende o outro lado, outro xogador ten que face-lo mesmo. Poden xogar tres porque eu tamén xogo con eles moitas veces. A min tócame recolle-las pelotas que lles caen a Xocas e a papá, e darllas cando mas piden. É un traballo moi importante. Teño que estar atento e correr moito. Por iso papá di que eu fago o máis difícil. Ás veces déixanme tirar a min, pero a raqueta pesa moito e cánsome.
Xa sei por onde saen os gatiños porque mo explicou mamá. Díxome que saen por un buratiño que teñen por onda o rabo. O que aínda non descubrín, é por onde entran.
Mamá di que aparecen na barriga cando a gata se xunta cun gato que lle gusta. Se se arriman moito, se se fan noivos e se queren moitísimo, pode pasar iso. Díxome que tamén pasa coas persoas, pero é mentira. Eu quero moito a Branca, e ata lle dei un bico onde hai que dalos para ser noivos, na boca, e Branca non vai ter gatiños nin nada.
Creo que hai que face-lo amor, que é durmir xuntos coma nas películas. Coma mamá e papá non vale, eles son da familia; e ademais non poden estar namorados porque están casados. Non son noivos.

Ningún comentario: