O CARTEIRO DE BAGDAD
Marcos S. Calveiro.
[Premio Ala Delta]
“Nada muda en Bagdad. Os meses rematan coa fin da lúa nova. Unhas noites despois, o tremelucente hidal, o delgado fío branco da lúa, anuncia no ceo escuro o seu abalo.”
Existe un antes e un despois da guerra.
Hai un neno que alimenta a súa curiosidade cos relatos do pai, que non acode á escola porque non hai e que leva meses xogando só, lonxe do seu amigo da infancia, por diferenzas que non percibe e por misterios que non logra comprender.
Ten un pai carteiro que arrisca a vida para repartir o correo na súa motocicleta, consciente de que, se cadra, nas mensaxes que entrega reside un retallo de esperanza para que os seus destinatarios se aferren á vida; un carteiro que chora ao malvender os seus prezados libros.
Mais tamén hai lugar para a esperanza e a ilusión que chegan de xeitos por veces inesperados.
E hai unha viaxe perigosa que o neno emprende co fin de cumprir a vontade do pai e entregar unha misteriosa carta, unha viaxe desas que fan medrar e que se revela novamente cargada de esperanza a través do valor e da suxestión que agochan as palabras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario